A que idade comezaches a interesarte pola ilustración?
No 2010, pola crise económica, necesitaba empezar a buscar outra vía distinta á de aparellador, así que apareceu a idea de recuperar a miña paixón polo debuxo e de profesionalizalo. Entereime de que na miña cidade había unha escola de arte, Faílde, e matriculeime a facer ilustración. O de pensar niso como unha profesión eu creo que aínda a día de hoxe me custa pensalo.
Como foi o procedemento para ser o ilustrador da primeira novela?
Cando estaba rematando o ciclo, xa descubrira o tema da ilustración infantil e xuvenil, pero faltábame base. Foi entón cando marchei a Barcelona a facer un obradoiro de escrita e ilustración con Mariona Cabassa, Rebeca Luciani e Jorge Zentner. Cando rematei o curso, volvín a Ourense e, ao pouco tempo, chamoume Ignacio Chao, editor do selo Tambre, para ofrecerme un encargo.
A Xavier Estévez, escritor, non o coñecín ata o seguinte libro. Neste non tiven contacto con el porque foi todo feito moi a présa e correndo. A verdade é que foi un mes moi tolo, porque era o meu primeiro encargo. Non sabía se tiña o suficiente tempo. Lembro que a mesma noite que me enviaron o texto, ás 2 da madrugada xa o lera cinco veces e xa o tiña interiorizado. Quería poñerme e non fallar no prazo. Daquela, nunca pensei en chamar a Xavier e preguntarlle.
Como comezou e en que consiste o proxecto «Cartas ás 12» xunto a Tamara Andrés?
A historia con Tamara comeza cando Kalandraka lle encarga, como tradutora e filóloga, a revisión de «Os días lebre», un libro que eu ilustrei. Entón, a través das redes sociais, un día contactou comigo para dicirme que lle gustara moito o libro. A raíz de falar e de gustarnos a idea que tiña cada un da poesía e da literatura, xurdiu «Cartas ás 12» como un refuxio para poder facer as cousas que nos gustan sen pensar en que poida ser editable nin nun público obxectivo, simplemente coa idea de estar en contacto. Realmente era como buscar un espazo irreal, pero facelo real para poder sentirnos creadores, para fuxir un pouco do gremio, do malestar que nos crea, porque ás veces é moi duro.
O nome de «Cartas ás 12» é porque un día comezamos a escribirnos ás doce da noite e quedou así. E de aí xurdiu «O sobre viaxeiro», no que as cartas son como postais cun pequeno texto e unha ilustración. Grazas a este libro, percorremos os bares e os locais que nos deixaban para contar a historia. Eu tocaba o acordeón e ela facía unha dramatización. Foi algo moi bonito.
E despois naceu «Distancias», un libro que publicamos coa editorial Galaxia. O que ten este libro é que a lectura é horizontal. A ilustración vaise despregando. Trátase dun libro que xoga coa poética de Tamara e da imaxe, porque incluso chegamos a integrar o texto como parte da ilustración
Á hora de facer as túas ilustracións, en que te baseas para escoller as cores? Relaciónalas cos diferentes sentimentos?
O primeiro proxecto que fixen é «Vaite xa», durante o curso de Rebeca Luciani en 2013. Sen embargo, non se publicou ata 2016, en Xerais. Por ese entón, eu traballaba en acrílico. Co paso dos anos, agora que son pai de dúas fillas, non teño tanto tempo para andar a facer mesturas de cores, pero daquela, o que intentaba co acrílico era atopar esa harmonía entre o texto, a atmosfera, o significado da obra, a emoción que quería transmitir… Basicamente empregaba a psicoloxía da cor.
Co paso do tempo, funme indo cara ao dixital, onde descubrín como comunicar mediante a forma e a relación dos distintos elementos que compoñen unha páxina. Tamén afondando na relación que hai entre estes. Comunico máis dende aí que dende a cor, polo que fun deixando a cor de lado, aínda que actualmente estou nun momento no que quero volver a recuperar a tranquilidade e a paz que me da o debuxo e estou volvendo outra vez á cor mediante a aplicación da acuarela.
O libro Beeeee! fala da coñecida historia de Pedro e o lobo, pero céntrase nas ovellas, facendo así unha crítica da sociedade na que vivimos actualmente. Que foi o que che levou a escoller esta fábula?
Porque estaba moi enfadado. Para min, a ilustración é un traballo moi terapéutico de autocoñecemento. Daquela tiña moita dor por certas aptitudes que aconteceron na miña vida e levaba moito tempo querendo ilustrar un clásico. Apareceu o conto de Pedro e o lobo e aí me decidín a usalo para mostrar que os mentireiros non deben saírse coa súa. Porque parece mentira, pero cando lemos o clásico sempre estamos xustificando a Pedro, que cos seus enganos se ri de todos. Realmente quen son as únicas prexudicadas? As ovellas. No conto castígase a Pedro pero porque ao final si que lle comen as ovellas, non porque o lobo o coma a el. A volta que eu lle dei foi que o lobo ao final a quen se vai comer é a Pedro.
As ovellas son como a metáfora de que nós ao final somos seres moi serviciais, que nos din que temos que facer unha cousa e facémola. Tamén se pode establecer esa metáfora de que, se nos xuntamos todos, faremos que os mentireiros non se saian coa súa
Un dos libros que escribiches é «O meu baleiro», que fala da morte e da desaparición de seres queridos, cal foi a razón para afondar nestes temas? Intentaches reflexar no álbum a túa idea ou incluso os teus medos?
O tema da morte sempre foi algo moi traumático para min, así que, como dixen antes, a ilustración ten un carácter terapéutico.
O que é curioso é que este libro non estaba concibido para falar da morte, senón que naceu coa idea de tratar a separación dos cativos con respecto á nai, coa lactación. Pero, o problema dese libro era que estaba a converterse nun catálogo, nun protocolo a seguir para entender como facer ese transo menos doloroso. Foi aí cando me parei e recuperei un pouco o tema da morte, porque ten en común con todo iso un punto de inflexión moi importante, que é ese baleiro que se xera cando alguén morre ou cando te privan de algo. Collín ese carácter universal que ten a morte para poder facer unha obra literaria ilustrada
Serías capaz de definir a túa obra en tres palabras?
Non. É imposible. Ademais, estou nun momento no que non teño definición ningunha. Para min o meu traballo é unha busca constante: buscarme a min, buscar un método… Intentar comunicarme comigo para saber quen son, para ao mellor chegar a definirme algún día, aínda que non é algo que teña en mente nin que me interese.
O que creo que ten de interesante o proceso creativo da ilustración é o de interiorizar para ver que che está pasando, que é o que tes aí, como o vas exteriorizar. Tamén que artefactos enxeñosos buscas, porque a min me gusta facerme valer de certos elementos que en principio non contan nada.
Eu penso unha historia. Ás veces nin sequera sei o que quero contar, vai medrando segundo vou enlazando o elemento principal cun texto. Fago ilustracións e vexo como encaixar o texto e o contraste que se establece entre ese texto e a ilustración. Moitas veces volvo atrás e modifico o texto ou sigo avanzando e fago ilustracións. Pero, o que sempre teño en conta é o personaxe principal.
Eu sei que quero contar unha historia. Unha historia que nace da necesidade de atoparme a min. No proceso creativo, axúdome de recursos que, en principio, non teñen nada que ver coa historia, pero que si que me facilitan ir montando unha trama narrativa para darlle ritmo e para que sexa enxeñosa e dinámica. Nese proceso de busca, o que realmente atopo é o que teño en min que é común a outras persoas. É un proceso moi fermoso porque o que fai, se por exemplo me sinto só, é ver que os demais tamén teñen momentos de tristura, de soidade, de ledicia, etc. É por iso polo que ilustro, supoño que para descubrirme e para non sentirme tan só.
Que poderías dicir da túa participación como ilustrador na revista da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil?
Apórtame ilusión. Apórtame gañas de seguir. Apórtame realidade. Co paso dos anos, fun descubrindo que os libros existen non só para min. Cando eu fago un libro e chega ás librarías, para min desaparece. Realmente en canto entrego os orixinais xa todo remata porque deixo de vivir ese proceso creativo de busca. Mentres eu me estou buscando é como se existise, pero cando deixo de facer iso, desaparezo como ilustrador, como ser creativo e emocional. Cando todo iso se frea, é un baleiro moi grande. Grazas ás sesións de sinaturas de libros, sobre todo cando ía ás escolas, descubrín que para os cativos o libro existe moito máis cando ti estás. Eles entenden que os libros non saen da nada. Entón para min ANILIJ é fantástico por iso, porque os libros seguen existindo e eu tamén.
Como empregas as redes sociais para difundir a túa obra?
Moi mal, realmente manéxoas mal. De feito, cada quince días penso en eliminalas todas e deixar de existir nas redes sociais. Pero o que si que me gusta, supoño que é porque levo moi pouco tempo nisto e foi todo de golpe, é que eu podo compartir o meu proceso, porque creo que non chega a ter suficiente obra como para estar compartindo as cousas que xa fixen. O que comparto nas redes é o que estou a facer, ese proceso de busca permanente, de como vivo.
A quen destacarías actualmente como ilustrador ou ilustradora no panorama galego? E a escala nacional?
Que difícil pregunta… A verdade é que non sei, pero si que me gustaría mencionar a Alicia Cobo, que cada vez se está desvinculando máis da ilustración editorial. A verdade é que con ela me sentín moi en paralelo dende que eu empecei porque concibe o álbum ilustrado dun xeito moi semellante ao meu. Tamén podería falar de moitísimas ilustradoras que están traballando e facendo moitas cousas, como María Montes, unha rapaza que ilustrou «Irmá paxaro» de Tamara Andrés.
A nivel nacional teño moita xente, porque ademais no resto da península enténdese o álbum ilustrado dun xeito distinto a como o entendemos aquí, van un paso por diante de nós na comprensión do que é realmente o álbum ilustrado e de todo o que pode propoñer. Hai xente que me fascina: Raúl Nieto Guridi; Pablo Auladell, que tamén se dedica ao cómic e é premio nacional; Ana Peñas; Anna Aparicio Català, que está despuntando e fai moitos traballos seguidos e dunha calidade impresionante, etc. Se empezo a dicir nomes non paro.
(Entrevista realizada por Alicia Vázquez Castro, alumna de la Facultad de Traducción e Interpretación de la Universidade de Vigo)
Recent Comments